venres, 15 de marzo de 2019

"PACO CAMALEÓN"

"PACO CAMALEÓN" CONTO MUSICADO PARA ESCOLARES
 






O pasado mércores 13 de xoves 14 de Marzo, a Escola Municipal de Música de Moaña ofreceu aos escolares  das escolas públicas de Moaña un concerto infantil. Máis de mil escolares dos 10 centros de Ensino público, incluída a Galiña azul, asistiron ás sesións que o profesorado da Escola preparou este curso. Os nenos, de 2 a 10 anos ian chegando e agardando na porta a que os compañeiros da sesión anterior saíran e deixaran espazo libre. Dentro, gran variedade de instrumentos e unha proxección visual agardaban con entusiasmo.

A proposta deste ano: "PACO O CAMALEÓN" partiu da idea de explorar algúns dos diferentes estilos musicais que se poden escoitar por todo o mundo.
 
O conto, con guión orixinal de María González, comeza así:
"Paco Camaleón naceu en Madagascar. Pertencía a unha familia de camaleóns africanos emigrantes, que cruzaron o océano hai millóns de anos subidos en polas de baobabs.
Coma a maioría dos camaleóns Paco tiña unha grande cualidade: a paciencia. E outra menos común: inventar cancións."

O animaliño protagonista,  sin saber como nin por qué, acaba no Zoo do Bronx e decide, farto da monotonía, escapar coa axuda da súa amiga xirafa rapeira. Unha vez fóra, alí en Nova Iork, descubre o Rap e dando renda a súa creatividade proba a mesturar a súa melodía identificativa,  unha versión creada para a ocasión do tema principal do 2º movem. da 94º Sinfonía de F. J. Haydn, con este estilo rueiro. O resultado é sorprendente... rap e música clásica!

Grazas ás sementes de baobab que a súa amiga xirafa lle regalou no zoo, Paco pode viaxar, como por arte de maxia, a diversos lugares do mundo nos que atoparase con outros animais e outras músicas, cadansúa máis particular e propia do lugar. Así, visitará Cuba, onde soará na rúa o "Oye como va" de Carlos Santana e coñecerá a un papagaio moi faladeiro. Despois da conversa, Paco animarase a crear unha nova mestura do seu tema propio co estilo do lugar. Imaxinade a Sinfonía 94 de Haydn con base de son cubano...

Logo desto visitará New Orleans... onde soará "Blue Monk" de Thelonius Monk  e, como non, unha nova mestura da súa melodía co jazz ó estilo máis auténtico de Marching Brass Band. Visitará Viena, onde escoitará unha versión da "Sinfonía dos xoguetes " de W.A. Mozart, é decir música do Clasicismo. En Xamaica escoitará un reggae: " No woman, no cry" de Bob Marley. En China unha "marcha popular", en Kenia  unha  danza tradicional  chamada "Miwoe Nenyo", en Berlín unha  "melodía tecno" de Gigi D´Agostino e en Londres  o máis famoso dos temas Rock : "We will rock you " de Queen

En todos os lugares e cancións haberá, grazas á imaxinativa de Paco unha nova versión da súa melodía de Haydn mesturada co estilo local.... Haydn en versión reggae, versión oriental, versión música disco, versión rock e... xa no final da historia, como non podía ser menos e aconsellado polo raposo londinense, Paco viaxa finalmente a Galicia onde soará a "Muiñeira do molete" e onde se sentirá "como en casa" e...quen sabe, onde quizais quede para sempre.

En total 35 minutos repletos de música, 30 cancións incluindo todas as veces que esa melodía que identificaba a Paco se entoaba cada vez que coñecía a un novo animal e que os e as asistentes, o público infantil ó que ía dirixida, coreaba con emoción, pois xa a sabían por traballala previamente no seu colexio.

O material, foi deseñado e enviado a todos os centros para que cada profesor e profesora dedicase un tempo a escoitala e practicala cos seus alumnos, pos así vivirían a experiencia de asistir a un concerto de maneira máis interactiva. Na proposta deste ano, os profesores da escola optaron por unha melodía clásica para dala a coñecer entre o público máis novo e, especialmente, para demostrar que a música , en certo modo non ten idade, é atemporal. A creatividade dun compositor tan xenial como Haydn é compatible coa música tradicional africana ou co estilo dun DJ do S.XXI

Esta idea ven ademáis a demostrar que a linguaxe musical non ten límites: é universal. Existe dende as orixes da humanidade e evoluciona co paso do tempo de diferentes xeitos, pero que, ao contrario da linguaxe falada, son todos comprensibles e compatibles.
Demostra tamén que as posibilidades creativas desta son infinitas. Os nenos sinten isto como algo natural, non forzado e poden adquirir dunha maneira intuitiva todos os beneficios que a práctica musical lles aporta, por exemplo cantando dende as butacas cos músicos do escenario. Coa historia do noso amigo Paco son conscientes en maior ou menor grao de que en cada un de nós está a capacidade para crear.

Pero a mensaxe vai máis alá. Esta historia nos fala de diversas culturas en lugares moi afastados entre sí,  das capacidades que cada cultura ten para desenvolverse ao longo do tempo. A través da música, Paco Camaleón nos ensina a respectalas e , por tanto, a respectar a identidade allea, algo que hoxe máis que nunca debe formar parte dos fundamentos da educación.


O equipo de profesores da Emmm.

Ningún comentario:

Publicar un comentario