A influencia da música
sobre o ser humano remóntase a tempos moi antigos. Coas primeiras inquedanzas
expresivas aparecía tamén a necesidade de utilizar o corpo, a voz e os útiles para,
por medio das diferentes vibracións que emitían, transmitir unha estimulación
auditiva tal que xerase cambios no estado emocional e persoal. Xa na China de Confucio (S VI a C.) e na
Grecia clásica recoñecíanse as virtudes formativas da música.

Intelectualmente, a música
favorece a capacidade de atención e concentración, incrementando así o
rendemento no traballo; estimula a memoria, a análise, a síntese e o
razoamento, e por tanto, a aprendizaxe; consegue unha maior precisión para
percibir e abstraer estímulos visuais e auditivos, desenvolve o sentido da orde
e facilita a creatividade.


No ámbito familiar, entoar
cancións e escoitar música, ademais de producir cambios a nivel fisiolóxico
(ritmo cerebral, circulación, respiración, dixestión, metabolismo, ton
muscular, sistema inmunolóxico ou actividade neuronal), desenvolve un forte
vínculo afectivo, que estimula a súa intelixencia emocional.
A escoita e a práctica
da música esperta, estimula e desenvolve emocións e sentimentos que poden
modificar o estado de ánimo e promove a reflexión, ademais de fomentar o
autocontrol. Especialmente nas crianzas, a práctica musical dálles seguridade
emocional e confianza ao verse inmersos nun clima de axuda, colaboración e
respecto mutuos. Tamén supón un gran reforzo persoal ao estimular a súa
concentración para realizar unha tarefa e, especialmente, ao vérense implicados
nun adestramento dirixido a superar cada día un pequeno reto de habilidade
física, intelectual e emocional.

A medida que o alumno
ou a alumna de música mantén o contacto coa súa aprendizaxe comeza a expresarse
doutra maneira, é capaz de integrarse máis activamente na sociedade, de asumir
o coidado de si mesmo e da contorna, e de ampliar o seu mundo de relacións. A
música ten o don de achegar ás persoas e aos que viven en contacto coa música
aprenden a convivir de mellor maneira cos demais, establecendo unha
comunicación máis harmoniosa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario