INSTRUMENTOS QUE PODES APRENDER NA ESCOLA:

Trombón: O trombón pertence á familia de vento metal, cuxos devanceiros están nas “trombas” romanas. De son claro e potente cun rexistro sonoro de grave a medio. Foi no S.XV cando se converteu nun instrumento tan versátil pois engadíuselle unha vara corredoira que alonga ou encolle a lonxitude total modificando así os sons. É doadamente adaptable a diversas agrupacións.
Clarinete: O clarinete é un instrumento da familia de vento madeira de son nobre e redondo e un rexistro sonoro agudo. Para facelo soar necesita un soprido ben dirixido cara unha cana de madeira que ten na súa embocadura. Ten 22 chaves e úsanse nove dedos das dúas mans. Utilizado en moitos tipos de agrupacións e estilos, dende a música clásica ao jazz.
Saxofón: Inventado por Adolphe Sax no 1846, axiña fíxose popular pola súa versatilidade. A pesares de ser de metal é un instrumento de vento madeira por ter, ó igual que o clarinete unha cana de madeira que produce a vibración sonora. De son metálico e harmónico cun rexistro medio agudo a agudo, está construído cun tubo cónico e 22 chaves nas que se colocan nove dedos das dúas mans. É un instrumento moi común na música moderna.

Tuba: A tuba pertence á familia de instrumentos de vento metal dado que ten unha embocadura onde se colocan os dous beizos para producir o son por medio da vibración destes. De son moi grave, redondo e medio escuro conta cun rexistro de notas dende moi graves a grave e é moi usado en todos os estilos pola súa función de soporte sonoro. Ten catro chaves que se manexan xeralmente coa man dereita.

Bombardino: Pódese considerar o irmán pequeno da tuba, pois conserva a súa forma. Ten un son grave, redondo e escuro cun rexistro de grave a medio. Ten tres chaves con forma de pistóns que se manexan coa man dereita e outra que se manexa coa esquerda. Resulta, pola súa flexibilidade un instrumento moi melódico e é utilizado en moitas agrupacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario