A Escola
de Música está sita na Reitoral de S. Martiño, Abelendo, un edificio histórico do
S. XVI e S. XVII incluído no catálogo de patrimonio cultural da Comunidade
Autónoma de Galicia como ben de especial protección. Conta, entre outros
atractivos, cunha lareira do S. XVI, unha lagareta do S. XVII e a réplica a
escala real do tímpano da igrexa de S. Martiño realizada no 2018. Tras unha
reconstrución levada a cabo polo Obradoiro de emprego xestionado polo Padroado
Beiramar dos anos 2008 a 2010 e un acondicionamento posterior para adaptala ás
necesidades deste tipo de centro foi finalmente destinada para a actividade
musical.
A escola conta con catro aulas e unha sala de usos múltiples. Esta última está destinada aos ensaios das diferentes agrupacións, actividades complementarias, clases de movemento e de baile e tamén á celebración de eventos, audicións e pequenos concertos. Cun aforo para 75 persoas é o espazo onde a música se escoita no seu estado máis inmediato, acabada de saír do forno.

Ademais dos espazos das aulas, a escola conta cunha sala de recepción, despacho, unha sala de agarda e, no exterior, un patio axardinado onde os alumnos e alumnas descansan entre clase e clase.
Na parte
traseira deste emblemático edificio sitúase a carballeira de San Martiño,
espazo natural e absolutamente axeitado para desenvolver calquera actividade
musical, pois a sonoridade das carballeiras parece estar creada a conciencia. Este
espazo úsase varias veces ao longo do curso en diversos eventos propios e doutras
agrupacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario